Letras Galegas 2017

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca o concurso exposición dirixida a todos os centros docentes de ensino público non universitario.

  • O certame persegue implicar a comunidade educativa na celebración do 17 de maio e potenciar o coñecemento do autor homenaxeado nesa data, da situación sociolingüística do seu tempo e da época histórica que lle tocou vivir.
  • Por primeira vez, o profesorado gañador recibirá certificación de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación do profesorado.

Destinatarios da convocatoria:

A convocatoria do Concurso-Exposición Letras Galegas 2017 está dirixida a todos os centros docentes de ensino público non universitario dependentes da Consellería, que poderán concursar na categoría que lles corresponda entre as dúas que se establecen: categoría A para infantil e primaria e categoría B para educación secundaria e bacharelato, formación profesional e restantes centros de ensinanzas especiais. Os centros educativos en que se imparta infantil, primaria e secundaria poderán concursar en ambas as categorías.

Os colexios e institutos deberán formar equipos integrados por un máximo de 10 docentes de diferentes áreas que colaboren activamente e fomenten a participación do alumnado na elaboración do traballo.

Características das exposicións

As exposicións que se presenten ao certame deberán constar de 10 carteis orixinais e inéditos de 70x50 cm acompañados dunha guía con actividades que orienten a observación da mostra e fomenten o labor de investigación do alumnado. A técnica que se empregue nos devanditos carteis será libre e estes poderán ser presentados a cor.

O prazo para a presentación de traballos remata o día 22 de xaneiro de 2017

Fonte: edu.xunta.gal