Renda social municipal. Unha ferramenta para medrar

Image

Esta prestación económica permitiralles ás persoas en situación de vulnerabilidade dispoñer dunha cobertura para as súas necesidades máis básicas, á vez que acceden a itinerarios de inclusión activa.

A Renda Social municipal vai dirixida a persoas residentes no municipio coruñés, e empadroadas nel, que estean en situación ou risco de exclusión social e non teñan dereito a percibir a Risga da Xunta ou outras prestacións de carácter público e natureza similar. Supón o pago periódico por un prazo de seis meses, e prorrogable ata 18 meses, dunha cantidade que terá como contía máxima o 100% do IPREM (o índice de referencia no Estado español para a concesión de axudas e subsidios) para as unidades de convivencia dun único membro -podendo aumentarse ata o 200% esta contía en función do número de integrantes dela-, co obxectivo de garantir a cobertura de necesidades básicas como a alimentación diaria, o vestiario, o transporte, a vivenda, os coidados persoais ou os custos da educación obrigatoria. Entre os requisitos que establece a ordenanza reguladora desta prestación está o ter cumpridos os 18 anos, non ter a idade mínima para solicitar unha pensión non contributiva de xubilación e formar parte dunha unidade de convivencia cuns ingresos inferiores aos 532 euros mensuais, en caso de tratarse dunha única persoa; 639 euros, para unidades de dous membros; 745 euros en unidades de tres membros, 852 euros, de catro membros; 958 euros mensuais, para unidades de cinco membros, ou 1.065, para unidades de seis ou máis membros.

Información máis detallada aquí

Web Renda Social Municipal

Fonte: Servizos Sociais do Concello da Coruña